12 mar 2013

ACTO INFORMATIVO SOBRE SANIDADE

 

Para o BNG a saúde e a atención sanitaria é un dereito que os gobernos teñen que preservar, promover e potenciar. Polo que a saúde e a atención sanitaria ten ser pública, gratuíta, universal, accesible e de calidade. Mais mágoa que esta non sexa a filosofía nin a ideoloxía de quen ten responsabilidades na materia tanto no goberno do estado como no goberno da xunta é dicir o PP, que tratan de tronzar a sociedade en ricos e pobres, nunha sanidade para quen teña cartos e unha atención de beneficencia para quen non poida pagar.
 


Para o BNG a Atención Primaria, é dicir, os Centros de saúde e os Puntos de Atención Continuada (urxencias), son o eixo fundamental do Sistema Público Galego de Saúde, son a porta de entrada onde máis se garante a accesibilidade, equidade e uso racional dos recursos por iso cando tivemos responsabilidades de goberno na Xunta puxemos en marcha o "Plan de Mellora da Atención Primaria" que o PP tirou ao lixo e empezou co "Plan de recortes, devastación e proxecto de privatización paulatina da Atención Primaria":
  • Os orzamentos dende 2009 a 2012 diminúen en 188 millóns de euros.
  • O abandono do "Plan de Mellora da Atención Primaria" supuxo non construír novos centros de saúde.
  • Supresión das substitucións dos profesionais o que provoca atrasos nas citas e masificación na atención.
  • Non inversión en recursos materiais, humanos e tecnolóxicos.
  • Peche de unidades de saúde e outras que están en estudo como os Centros de Saúde ou os Puntos de Atención Continuada (PAC).
 
A Atención Especializada, tanto a Hospitalaria como a de Consultas Externas dentro do Sistema Público Galego de Saúde, ten que ser áxil, accesible e dar unhas prestacións de calidade que garantan un diagnóstico veraz, un tratamento axeitado para a mellor curación, recuperación, rehabilitación e integración das persoas á súa vida cotiá. Na nosa comarca contamos dende hai 2 anos cun novo hospital que o BNG reivindicou dende finais dos anos 80 e que por desgraza non evitou que os doentes teñan que percorrer quilómetros para facer probas ou recibir tratamentos (p.ex.: radioterapia); ou ter un diagnostico tardío (medicina nuclear), ou non ter unha segunda oportunidade como é o caso do Servizo de hemodinámica no que o tempo é de vital transcendencia.

Mentres os recortes na Atención Especializada foron de 22 millóns de euros, investiuse moito máis diñeiro na privada. No Hospital de Lugo seguen pechadas 210 camas e enferm@s seguen derivándose a establecementos privados; así no ano 2011 a privada constounos máis de 27 millóns de euros. No 2012 fixeron que pagásemos por equipamento electromédico (existe servizo no hospital) 34 millóns de euros. Pola dixitalización das Historias, 3 millóns de euros. A establecementos privados (sanatorios), na provincia e fóra dela, arredor de 500.000 euros ao mes, e un longo etc.

As medidas de recortes do PP sobrecargan as economías das familias, provocan desigualdade e todos os efectos adversos nos máis desfavorecid@s:
  • Pago farmacéutico para @s pensionistas (lembrar que as retribucións dos pensionistas en Lugo son as máis baixas do estado).
  • Eliminación de moitos fármacos: mucolíticos, antidiarreicos, desconxestivos, etc. (cando para enfermos crónicos son vitais para manter unha mínima calidade de vida).
  • Suprimen produtos dietéticos e suplementos, imprescindíbeis para persoas con problemas de alimentación polas diversas patoloxías.
  • Deixan sen cobertura sanitaria @s maiores de 26 anos que non teñan cotizado.
  • Pago do trasporte sanitario non urxente (persoas que van a diálises, rehabilitación, quimioterapia ou outras necesidades que xurdan a persoas coa mobilidade reducida).
  • Pago de ortoprotésica e de axuda a mobilidade (muletas, cadeiras de rodas, andadores, collaríns, etc.).
 
Non é pouco pero están en estudo mais medidas pola mesma senda e dende o BNG apelamos @s veciñ@s que non nos podemos resignar, que temos que revelarnos e loitar contra o desmantelamento do estado de benestar que construímos tod@s e que tanto nos custou. Por UNHA SAÚDE E UNHA ASISTENCIA SANITARIA PÚBLICA, UNIVERSAL, GRATUITA E DE CALIDADE.

XIV ASEMBLEA NACIONAL DO BNG

 
 
Se queres ter máis información do desenvolvemento da Asemblea Nacional do BNG preme AQUÍ.

10 mar 2013

10 DE MARZO: DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA


PLENO EXTRAORDINARIO: 7 DE MARZO DE 2013


 
No pleno extraordinario do 7 de marzo de 2013 o BNG presentou as seguintes iniciativas:

  • Moción para evitar o peche de oficinas de Novagalicia Banco no medio rural galego. Con esta moción, aprobada por unanimidade, o BNG esixe ao goberno Popular do estado e da Xunta de Galiza (donos de Novagalicia Banco) o mantemento de oficinas, como a do concello do Corgo, que prestan un inestimábel servizo na zona rural (máxime no Corgo cando é a única entidade bancaria do concello).
  • Moción para a derrogación da Lei de taxas xudiciais. O goberno popular impediu mediante lei que a xustiza fose gratuíta. Deste xeito vai haber moita xente que con poucos recursos económicos renuncie á tutela xudicial por non poder pagala. A moción quedou rexeitada cos votos do PP.
  • Rogo sobre a construción da escola infantil do Corgo. O BNG do Corgo volve a esixir que a Xunta de Galiza materialice dunha vez por todas o proxecto de escola infantil. Porén, segue sen consignar nin un só euro nos orzamentos do 2013, rexeitando incluso unha emenda presentada no Parlamento Galego polo BNG co fin de dotala de fondos.
  • Rogo sobre transparencia municipal. O BNG solicita que o goberno municipal faga público o contido dos plenos na páxina web do concello.
  • Rogo sobre a vixilancia e a conservación das estradas municipais.
  • Pregunta sobre futuras medidas de racionalización de recursos respecto dos servizos que na actualidade presta o PAC do Corgo.
  • Pregunta sobre as traídas de augas.

8 DE MARZO: DÍA DA MULLER


O BNG DEMANDA MÁIS TRANSPARENCIA MUNICIPAL

Segundo o CIS, a clase política sitúase, como problema, na cota máis alta da democracia. Os continuos casos de corrupción e a xudicialización da política son factores que levan á cidadanía a afastarse dos seus representantes electos. É pois o momento de que as institucións públicas fagan un exercicio claro de transparencia e de proximidade ao pobo.
 
Na actualidade as tecnoloxías da información e da comunicación ofrécennos ferramentas que a un moi baixo prezo permiten unha ampla difusión de información, como as páxinas web. Deste xeito, xa hai moitas institucións na nosa provincia que empregan a devandita ferramenta para facer público o contido dos plenos, véxanse a Deputación Provincial de Lugo ou concellos, moi semellantes ao noso en poboación, como o de Outeiro de Rei (institucións locais gobernadas polos tres partidos maioritarios).
 
O Concello do Corgo celebra os plenos ordinarios os xoves a media mañá. Esta circunstancia tampouco axuda a que veciños poidan achegarse ás sesións plenarias como espectadores. Porén, dende hai anos o concello dispón de sitio web en internet, http://www.concellodocorgo.net.
 
Por todo isto, o grupo municipal do BNG do Corgo presentou o seguinte ROGO
 
1.    Que se faga público o contido dos plenos do concello do Corgo na súa páxina web, tanto en vídeo, como colgando convocatorias e as actas aprobadas de plenos anteriores.

ESCOLA INFANTIL: ETERNA DEMANDA D@S VECIÑ@S

O venres, día 4 de febreiro do 2011,  publicábase no Boletín Oficial do Estado o convenio de colaboración entre o Ministerio de Educación e a Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de prazas públicas de primeiro ciclo de educación infantil no marco do  chamado “PLAN EDUCA 3. 2010”.

Este é un plan que arrinca no 2008, no que o Estado, a través do Ministerio de Educación, colabora coa Xunta de Galicia (aportando 5.276.696 euros para este período), para a creación de prazas do primeiro ciclo de educación infantil (de 0 a 3 anos) no que se establecen políticas de cooperación entre as distintas administracións, incluídos os concellos, para asegurar a oferta educativa neste ciclo; respondendo, ademais, a necesidade de conciliar a vida familiar e laboral das nais e pais, independentemente do seu lugar de residencia, coa atención e coidado dos seus fillos.

Neste convenio  aparecía, entre outros, o concello do Corgo, para creación dunha escola infantil cunha oferta de 20 prazas figurando como administración titular a Xunta de Galicia.

Dado que hai máis de dous anos que se asinou e publicou oficialmente este convenio, preocúpanos que nos orzamentos da Xunta de Galiza para o 2013, non só non apareza ningunha contía para este fin, senón que o Partido Popular rexeitara unha emenda aos orzamentos presentada polo deputado do BNG por Lugo, Cosme Eladio Pombo para a construción da devandita Escola Infantil.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG do Corgo presentou o seguinte ROGO

1.   Que o Concello do Corgo, e nomeadamente o seu alcalde, fagan os trámites oportunos ante a Xunta de Galicia co fin de que O Corgo poida contar a curto prazo cunha Escola Infantil de 0 a 3 anos.