Para o BNG a saúde
e a atención sanitaria é un dereito que os gobernos teñen que preservar,
promover e potenciar. Polo que a saúde e a atención sanitaria ten ser pública, gratuíta, universal, accesible e
de calidade. Mais mágoa que esta non sexa a filosofía nin a ideoloxía de
quen ten responsabilidades na materia tanto no goberno do estado como no
goberno da xunta é dicir o PP, que tratan de tronzar a sociedade en ricos e
pobres, nunha sanidade para quen teña cartos e unha atención de beneficencia
para quen non poida pagar.
Para o BNG a Atención Primaria, é dicir, os Centros de saúde e os Puntos de Atención Continuada (urxencias), son o eixo fundamental do Sistema Público Galego de Saúde, son a porta de entrada onde máis se garante a accesibilidade, equidade e uso racional dos recursos por iso cando tivemos responsabilidades de goberno na Xunta puxemos en marcha o "Plan de Mellora da Atención Primaria" que o PP tirou ao lixo e empezou co "Plan de recortes, devastación e proxecto de privatización paulatina da Atención Primaria":
- Os orzamentos dende 2009 a 2012 diminúen en 188 millóns de euros.
- O abandono do "Plan de Mellora da Atención Primaria" supuxo non construír novos centros de saúde.
- Supresión das substitucións dos profesionais o que provoca atrasos nas citas e masificación na atención.
- Non inversión en recursos materiais, humanos e tecnolóxicos.
- Peche de unidades de saúde e outras que están en estudo como os Centros de Saúde ou os Puntos de Atención Continuada (PAC).
A Atención Especializada,
tanto a Hospitalaria como a de Consultas Externas dentro do Sistema Público
Galego de Saúde, ten que ser áxil, accesible e dar unhas prestacións de
calidade que garantan un diagnóstico veraz, un tratamento axeitado para a
mellor curación, recuperación, rehabilitación e integración das persoas á súa
vida cotiá. Na nosa comarca contamos dende hai 2 anos cun novo hospital que o
BNG reivindicou dende finais dos anos 80 e que por desgraza non evitou que os
doentes teñan que percorrer quilómetros para facer probas ou recibir
tratamentos (p.ex.: radioterapia);
ou ter un diagnostico tardío (medicina
nuclear), ou non ter unha segunda oportunidade como é o caso do Servizo de hemodinámica no que o tempo é de vital transcendencia.
Mentres os recortes na
Atención Especializada foron de 22 millóns de euros, investiuse moito máis
diñeiro na privada. No Hospital de Lugo seguen pechadas 210 camas e enferm@s
seguen derivándose a establecementos privados; así no ano 2011 a privada
constounos máis de 27 millóns de euros. No 2012 fixeron que pagásemos por
equipamento electromédico (existe servizo no hospital) 34 millóns de euros.
Pola dixitalización das Historias, 3 millóns de euros. A establecementos
privados (sanatorios), na provincia e fóra dela, arredor de 500.000 euros ao mes, e un longo etc.
As medidas de recortes do PP
sobrecargan as economías das familias, provocan desigualdade e todos os efectos
adversos nos máis desfavorecid@s:
- Pago farmacéutico para @s pensionistas (lembrar que as retribucións dos pensionistas en Lugo son as máis baixas do estado).
- Eliminación de moitos fármacos: mucolíticos, antidiarreicos, desconxestivos, etc. (cando para enfermos crónicos son vitais para manter unha mínima calidade de vida).
- Suprimen produtos dietéticos e suplementos, imprescindíbeis para persoas con problemas de alimentación polas diversas patoloxías.
- Deixan sen cobertura sanitaria @s maiores de 26 anos que non teñan cotizado.
- Pago do trasporte sanitario non urxente (persoas que van a diálises, rehabilitación, quimioterapia ou outras necesidades que xurdan a persoas coa mobilidade reducida).
- Pago de ortoprotésica e de axuda a mobilidade (muletas, cadeiras de rodas, andadores, collaríns, etc.).
Non é pouco pero están en
estudo mais medidas pola mesma senda e dende o BNG apelamos @s veciñ@s que non
nos podemos resignar, que temos que revelarnos e loitar contra o
desmantelamento do estado de benestar que construímos tod@s e que tanto nos
custou. Por UNHA SAÚDE E UNHA ASISTENCIA SANITARIA PÚBLICA, UNIVERSAL, GRATUITA
E DE CALIDADE.
No hay comentarios:
Publicar un comentario