17 mar 2013

XAVIER VENCE, NOVO PORTAVOZ NACIONAL DO BNG CO 96% DOS VOTOS

 
Xavier Vence foi elexido portavoz nacional do BNG co 96% dos votos: 1.215 votos a favor, 9 en contra e 44 abstencións.
O recén escollido portavoz nacional fixo no seu discurso de clausura da XIV Asamblea Nacional do BNG un chamamento para”superar os reptos que temos por diante”. Agradeceu á militancia a confianza depositada nel, colllo “o repto con ilusión e teño confianza en vós, e cedo van confiar en nós para sacar este proxecto adiante”.
Xavier Vence tivo palabras de agradecemento para o portavoz saínte, Guillerme Vázquez porque “tripulou a nave en momentos moi difíceis”.
 
Folgos para o novo camiño
Avaliou positivamente o esforzo para chegarmos aquí, “fixemos un grande esforzo e unha intensa actividade política nun contexto de reveses electorais e no que a antipolítica se converteu xa no paradigma político do sistema”. Pediu “folgos para o longo camiño” e afirmou que o BNG “sae hoxe de aquí con novas ideas”.
Vence cargou contra o Presidente da Xunta, Núñez Feijoó, “un Presidente sen iniciativa e entregado ao proxecto centralista e conservador da dereita madriñela”. Acusouno de “facer méritos diante da banca para lles facer ver que é de fiar” e mencionou o alcume da súa casa nos Peares, “a casa da Cizaña”. “Feijóo é moi rebelde para incumprir as sentencias que lle desmontan o seu indigno decreto de plurilinguismo pero acata e aplaude coa orellas toda canta lei e decreto sae do plan centralizador de Madrid”.
 
Un BNG renovado para unha nova etapa
O portavoz nacional recén electo afirmou que o “BNG sae hoxe cunha dirección totalmente renovada e moza” e é a solución ao desleixo do PP. O BNG é o ariete fronte ao neoliberalismo. O BNG é o único parapeto valioso contra o centralismo económico e político que nos abafa”.
O portavoz nacional do BNG fixo un chamamento a abrir un proceso de debate social ao que se incorporen todas as organizacións políticas, sindicais, sociais, ecoloxistas, feministas, estudantís, xuvenís, culturais, deportivas, veciñais, redes sociais, relixiosas, medios de comunicación, asociacións profesionais, empresariais, clubes de todo tipo e todas as persoas integrantes do pobo galego, unha a unha.
 
Necesidade de unir o nacionalismo
Apelou á necesidade de unir o nacionalismo: “Cada quen co seu perfil e coa súa impronta habemos erguer conxuntamente un debate vivo e mobilizador que contribúa a elevar a conciencia nacional do país”. E afirmou que a primeira tarefa é convencer a “certo nacionalismo de que a soberanía non é un asunto meramente cultural, lingüístico ou identitario. A soberanía é poder gobernarnos nós mesmos, democraticamente, sen dependencias alleas”.
Recalcou a importanza de estar na loita social, nos movementos sociais, e mencionou o tema das preferentes, os desafiuzamentos, a defensa da sanidade pública, ensino público e defensa da lingua.
Vence salientou a relevancia da unidade do nacionalismo e as relacións coas demáis forzas políticas, “temos que ser quen de manter a unidade de acción con todos os movementos sociais e forzas de esquerda, temos que partillar unha folla de ruta con todas as forzas nacionalistas e temos que explorar fórmulas de colaboración estratéxica con toda as forzas nacionalistas, que respectando o principio de autoorganización teñan vocación de construir un polo nacionalista maioritario na sociedade e nas institucións.
Puxo en destaque “os inmensos reptos que nos estamos a marcar” e advertiu: “ou nos comportamos como unha equipa unida ou pareceremos frustrados. Por iso cómpre mudar estilos e modais”, e asegurou que “cultivando bos sentimentos contaxiaremos ilusións”.
O portavoz nacionalista enfatizou que “cómpre situar o debate soberanista no terreo do realismo e do pragmatismo”. “Galiza ten hoxe os recursos, a experiencia, os coñecementos, a capacidade de xestión e mesmo a arquitectura institucional esencial para facérmonos cargo dos nosos problemas e enxergar as solucións máis acaídas aos nosos intereses”.
Así, insistiu na necesidade de que Galiza teña plena soberanía fiscal para recadar todo tipo de impostos e poñelos ao servizo do benestar dos galegos e galegas. “Precisamos soberanía para estabelecermos as prioridades de gasto público, para deseñar nós as infraestruturas, para pór en marcha políticas agrarias, pesqueiras, industriais e terciarias autocentradas, e para preservar a nosa lingua”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario