6 mar 2013

MOCIÓN PARA EVITAR O PECHE DE OFICINAS DE NOVAGALICIA BANCO NO MEDIO RURAL GALEGO

A semana pasada, Novagalicia Banco fixo público o peche dunhas 131 oficinas, repartidas por todo o estado, como inicio do plan de axuste derivado do rescate europeo e tras o cuarto expediente de regulación de emprego aprobado polos sindicatos maioritarios. Desas 131 oficinas, segundo datos desvelados pola entidade, 49 atópanse en Galicia: 18 na provincia de Ourense, 13 na Coruña, 12 en Pontevedra e outras 6 en Lugo. As clausuras comezarán xa no mes de abril, e desenvolveranse ata xuño, con outras oficinas como receptoras deses clientes. Este é o comezo dunha serie de peches no futuro e que afectarán con máis intensidade na zona rural galega.

Dáse a circunstancia de que a única entidade bancaria que opera no Corgo actualmente é Novagalicia Banco polo que un futuro peche da oficina situada no noso concello representaría a perda dun servizo imprescindíbel para a poboación, dadas as características demográficas, sociais e económicas do concello cunha parte da poboación moi avellentada, sen capacidade de acceso a outros tipos de banca e unha dispersión xeográfica que dificulta moito o desprazamento a outras localidades para acceder a estes servizos.

Hoxe por hoxe a sucursal de Novagalicia Banco é un dos principais axentes dinamizadores da economía do Corgo, non só polo servizo que presta a empresas e negocios senón polo efecto vertebrador que indirectamente ten sobre o sector servizos da economía local. Así pois, a perda deste servizo suporá un paso moi importante para aumentar a espiral de sangría demográfica dun concello rural como é o noso.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG do Corgo solicitará no Pleno da Corporación municipal do día 7 de marzo a adopción do seguinte ACORDO

1.    Instar aos accionistas de referencia de Novagalicia Banco S.A., Goberno de España e Xunta de Galiza a que garantan a actual rede de oficinas no rural galego.

2.    Dar traslado do presente acordo ao Presidente da Xunta de Galiza e o Presidente do Goberno do Estado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario